Tanxugueiras

Partindo dun coñecemento rigoroso da tradición e das músicas de transmisión oral, entre Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro dáse un encontro único onde a maxia, a naturalidade, a espontaneidade e a comuñón musical xorden desde o primeiro minuto e fan que revolucionen o panorama musical galego.

O mundo da pandeireta e o baile está a vivir en Galicia a un momento irrepetible, cada vez máis xente se está achegando a este tipo de sentir e facer. O que fan Tanxugueiras é achegalo dun xeito doado, natural, cun empaste nas voces pouco común, cuns arranxos elegantes e coidados, cun son grande e cristalino, cun agarimo inusual, cunha tímbrica instrumental que conecta oriente e occidente, con intelixencia e humor. E, sobor de todo, con moito amor.

Con máis de 50 concertos no 2018 e unha importante xira tanto polo país como polo estranxeiro, visitando Glasgow, a India, Cuba e Suíza, Tanxugueiras convértese nun referente e no grupo revelación da música tradicional galega.

“Tanxugueiras”, o disco

Despois de percorrer desde o ano 2016 cun éxito clamoroso todos os palcos do país e algún internacional (Celtic Connections Glasgow), despois de poñer música a actos e encontros musicais diversos, aparecer en programas de TV como Luar, Alalá… deciden gravar a súa ópera prima apuntando moi alto. Rodeáronse para este fin de músicos moi notables dentro do panorama das musicas de raíz como Pablo Martín Jones (Coetus, Eliseo Parra, Drexler…) ou Jaime Muñoz (La Musgaña) e cunha dirección artística do productor musical Pedro Pascual (produtor en Laio, Marful, Najla Shami, Davide Salvado, Guadi Galego, Talabarte, Pesdelán, Descarga ao vivo, etc.).

Atopámonos ante un repertorio coidadosamente escollido e cun tratamento que conecta a tradición ibérica co maxín atlántico e os cheiros de ultramar. Cancións que parten da pura esencia que mana das fontes da profunda Galicia e que son dotados dun virtuosismo e contundencia sorprendentes.