- O venres 7 de agosto o escenario vibrará coas actuacións de El Nido, Baiuca e David Pasquet.
- O sábado 8 de agosto a música arrancará ás 12:00h con Paco Nogueiras, Xabier Díaz, CE Orquesta Fantasma, Mago Teto e a tradicional Foliada.
- Pola noite, será a quenda de Alana, Radio Cos, Backwest, Fillas de Cassandra e pechará Señora DJ.
A Festa da Carballeira de Zas prepárase para facer historia coa súa 41ª edición, unha das máis ambiciosas, potentes e agardadas polo público. O Concello de Zas, a Deputación da Coruña e Estrella Galicia presentaron hoxe de xeito oficial na Coruña un cartel espectacular de primeiro nivel que promete converter a Costa da Morte no epicentro cultural de Galicia.
Esta cita consolida o formato de festival boutique como un dos encontros máis potentes da música folk a nivel nacional e internacional. Cunha directiva totalmente renovada que recolle o testemuño de décadas de tradición, a organización deseñou dúas xornadas nas que a música de raíz, a gastronomía local e a identidade comunitaria fusionaranse nunha experiencia única para todas as xeracións.
O acto de presentación oficial tivo lugar na Cervexaría Estrella Galicia da Coruña. O alcalde de Zas, Manuel Muíño, amosou o orgullo do municipio por acoller unha cita que traspasa fronteiras: “A organización deste festival supérase e rompe barreiras ano tras ano. Só hai que botar unha ollada á calidade e á envergadura dos artistas que se citan nesta edición para entender por que a Carballeira se consolidou como un dos festivais de referencia absoluta e un orgullo cultural para toda Galicia”.
Pola súa banda, a deputada de Cultura da Deputación de A Coruña, Natividade González, recalcou o esforzo que pon o equipo para sacar adiante a cita: “Desde á área de Cultura queremos poñer en valor o incrible esforzo de todas as persoas que poñen a alma en sacar adiante este proxecto. Para nós é un orgullo colaborar economicamente co festival, camiñando da man da organización para tecer redes e crear unha riqueza cultural que xa é un orgullo para toda a provincia”.
En representación de Estrella Galicia, Cristina Canosa, Técnica de Gastronomía e Proximidade, subliñou o forte vínculo histórico e emocional co evento: “Para Estrella Galicia é un verdadeiro pracer colaborar con este evento. Son xa 41 edicións nas que o festival non parou de medrar, pero facéndoo sempre sen deixar atrás as súas raíces. O gran logro da Carballeira é conseguir que sexa moito máis que un contorno máxico, converténdose nun piar fundamental para poñer en valor o noso patrimonio cultural galego”.
O novo director do festival, Diego Blanco, asumiu o liderado con moita ilusión e un firme respecto polo legado recibido: “Afrontamos esta nova etapa cun profundo respecto polo camiño percorrido. O noso gran obxectivo é manter intacta esa esencia popular que fai única á Carballeira e soster o gran nivel acadado polas directivas anteriores, pero facéndoo coa proposta máis atractiva e máis arriscada da historia da Carballeira ao tempo que impulsamos a súa proxección cara ao futuro”.
No acto tamén estivo presente Xurxo Fernandes, membro do grupo Radio Cos, que expresou que: “Volver á Carballeira de Zas é, para nós, sentirnos coma na nosa casa. Este festival apoiounos cando arrancamos a nosa carreira e por iso é tan especial. Trátase dun verdadeiro lugar de resistencia a través do pracer da música e un escenario máxico onde nace, se coida e se impulsa con orgullo a música da nosa comarca”.
Unha programación musical que equilibra tradición e vangarda
O venres 7 de agosto, o festival abrirá as súas portas a partir das 22:00 horas co son de El Nido. A noite continuará coa revolucionaria fusión de música electrónica e tradicional de Baiuca, para pechar a primeira xornada por todo o alto co prestixioso clarinetista bretón David Pasquet.
O sábado 8 a música arrancará cedo, ás 12:00 horas, cun formato totalmente familiar e interxeracional da man de Paco Nogueiras, a música de Xabier Díaz, o espectáculo da CE Orquesta Fantasma e o ilusionismo do Mago Teto. Esta intensa mañá servirá como antesala para a tradicional e gran Foliada popular.
Xa de cara á noite do sábado, os grandes concertos principais encherán o recinto coas propostas de Alana, o directo de Radio Cos, o folk internacional dos irlandeses Blackwest e o agardado directo do dúo Fillas de Cassandra. O broche final e o peche desta edición correrá a cargo do ritmo de Señora DJ.
Entradas, prezos e servizos gratuítos
A venda anticipada de bonos online está a recibir unha gran resposta por parte do público. Os abonos regulares pódense adquirir a través de páxina oficial do festival: https://www.festadacarballeira.com/ e nas súas redes sociais oficiais (Facebook, Instagram e X). De cara aos días do evento, os prezos fixados para as entradas en taquilla serán de 20 euros para o venres, 20 euros para o sábado, e un abono para os dous días completos por un prezo de 30 euros.
Co obxectivo de fomentar o relevo xeracional e facer do festival unha experiencia aberta e accesible para todo o mundo, haberá entrada totalmente gratuíta para os menores de 14 anos e para os maiores de 65 anos.
Como é tradición, todos os asistentes disporán dun espazo lúdico infantil, feira de artesanía, unha coidada e variada oferta gastronómica e a habitual zona de acampada gratuíta dotada con baños e duchas, situada a moi poucos metros do recinto musical na Carballeira de Velar de Zas.






