Tanxugueiras

Tanxugueiras é o grupo que está desafiando e cambiando o paradigma musical estatal. Aida, Sabela e Olaia, cun son totalmente diferente pero recoñecible, adaptan a música tradicional galega a estilos actuais para darlle una nova vida. O grupo galego abriu de par en par as portas do resto de idiomas oficiais do estado no circuíto musical, colleitando éxitos, recoñecementos e grande visibilidade grazas á súa música. Seu é o mérito de manter viva a tradición, o idioma, o folclore e dotalo de novos significados, para levalos ante un público masivo e elevar o foco das distintas culturas e músicas que conviven dentro dun estado.

Tras un 2024 no que conquistaron grandes recintos ao longo do estado, cun inicio de xira en Francia, Tanxugueiras segue agrandando o seu legado. O seu novo directo, englobado baixo a xira AntesD, conta co carácter máis dinámico e potente visto ata agora no grupo, nunha proposta contundente que as eleva á primeira liña da música estatal. Neste 2025 pecharán a súa xira cos últimos concertos que as levarán de novo por toda a península, amosando a súa continua exploración de novos retos e posibilidades sonoras nos seus temas e directos.

Compartir