
Ses
María Xosé Silvar, coñecida artisticamente como SÉS, é unha das voces máis representativas da música galega contemporánea. Cunha traxectoria consolidada dende 2011, SÉS destaca por un estilo propio, froito da mistura dos diferentes estilos musicais consumidos na súa vida (música tradicional, rock, blues, folk e canción de autor) As súas letras, cargadas de compromiso social, feminismo e reivindicación cultural, e tamén de amor, convertérona nunha referencia dentro e fóra de Galicia.
Ao longo da súa carreira, SÉS publicou oito discos de estudio, nos que afonda nun discurso propio, sincero e directo, que conecta cun público fiel. Os seus traballos foron presentados en xiras por toda Galicia, así como noutras partes da península ibérica e en escenarios internacionais de Arxentina, Uruguai, México, Paraguai, O Salvador, Alemaña e Inglaterra.
A súa capacidade para conectar coa xente e a súa forza interpretativa levárona a ser recoñecida tanto polo público como pola crítica, consolidándose como unha artista fundamental na escena musical galega.