A Festa da Carballeira inicia oficialmente a súa 41ª edición, que se celebrará os días 7 e 8 de agosto de 2026, consolidándose un ano máis como unha cita cultural de referencia e como un espazo de encontro para varias xeracións.

Esta nova edición comeza cunha renovación da directiva, na que conviven persoas que levan anos formando parte da historia da festa con novas incorporacións que se suman con ilusión, responsabilidade e compromiso. Un equipo diverso que asume o reto de preservar a esencia da Carballeira, o seu espírito popular e o nivel acadado ao longo das edicións anteriores, ao tempo que traballa para garantir a súa continuidade e evolución.

A organización afronta esta nova etapa cun profundo respecto polo camiño percorrido, consciente do valor social, cultural e emocional que a Festa da Carballeira representa para a veciñanza e para todas as persoas que cada ano a fan posible. A experiencia acumulada e a enerxía renovada únense así cun obxectivo común: seguir construíndo unha festa viva, participativa e fiel á súa identidade.

Nas vindeiras semanas iranse dando a coñecer novos proxectos e novidades que formarán parte desta edición, así como os primeiros anuncios relacionados co seu contido e programación.

Con esta comunicación oficial, a 41ª Festa da Carballeira dá comezo ao seu camiño cara ao mes de agosto.