Loading...
/Xabier Díaz e as Aduferias de Salitre
Xabier Díaz e as Aduferias de Salitre 2018-05-29T16:54:02+00:00

XABIER DÍAZ E AS ADUFERIAS DE SALITRE

Dos primeiros sopros de Xabier nunha gaita de fol nos albores dos 80 ata Coplas Para Icía (2007) pasaron case 30 anos. A súa curiosidade facilitou a chegada de experiencias que se sucederon tendo sempre a música pop(ular) no horizonte: Xacarandaina, Rumbadeira, os primeiros traballos de campo, unha incesante actividade docente, asociacións, concursos, certames, etc.

Logo chegou a Nova Galega de Danza coa que participou nos espectáculos Alento, Engado e Tradicción entre os anos 2005 e 2009.

Berrogüetto chamou á porta de Xabier a inicios de 2008 e a viaxe durou até 2014, ano no que se anunciaba a disolución da banda.

Ao longo dos anos, realizou un feixe de colaboracións en discos e concertos de diferentes artistas: Carmen París, Xosé Manuel Budiño, Kepa Junquera, Guadi Galego e Os Cempés, entre outros/as. Así mesmo, emprendeu numerosas viaxes para levar a música a México, Cimbabue, Alemaña, Uruguai, Italia, Perú, Dinamarca, Francia, Suíza, Arxentina, Noruega, Bélxica, Cuba, Escocia, Irlanda, etc.

ÚLTIMO TRABALLO

NORÓ – Algunhas músicas do norte Nurtha, Nord, Norte… Noró

O norte é case un estado emocional para min. Gústame o seu frío, a auga, a humidade e a música. No norte hai música en tódalas cousas. É unha música sólida, ancestral e serena.

“Este disco é como un retrato do meu timeline recente, como unha necesidade de rematar a talla e de mellorar o método, como unha insistencia do Tambourine, como se quixera tatuar con tinta indelébel o mapa das últimas viaxes para saír definitivamente da miña confusión antes de desorientarme de novo. Este disco tamén serve para celebrar o equilibrio desta pequena e ordenada república adufeira na que tantas cousas aprendo sen necesidade de que ninguén as explicite”.

Neste norte, as montañas están preñadas de músicas antigas e ás veces o nordés arráncaas dos valos para levalas lonxe, á cidade, por exemplo. Alí foi onde as escoitei por primeira vez, hai xa moito tempo, e tal foi a curiosidade que prendeu en min que tiven que ir na súa busca como un explorador, sen apoio de raíña nin aprobación divina. Cando me atravesou a primeira melodía, tiven a certeza de que precisaría facer a miña peregrinación á perpetuidade. Quedaron amores, un aparellador e un feixe de cousas polo camiño mais nunca me importou porque sempre sentín fortuna por ter tal banda sonora por compañeira para a miña existencia.

“O meu norte empeza cando paso os páramos e diviso Sanabria. O meu norte ule a galletas de limón da vella panadería de Cerdido e ten forma de furna, labrada polo mar do xeito máis caprichoso co pulso dunha ribeirana eterna. O meu norte ten a elegancia da bailadora áxil que debuxa puntos imposíbeis no medio do asfalto”.