Ruxe Ruxe

RUXE-RUXE cumpren 20 anos no 2016 e para celebrarlo van tocar en directo, van gravar un disco novo con cancións novas e producir uns cantos novos videoclips.

Non van facer nada extraordinario. Exactamente o que levan facendo de maneira ininterrumpida nos últimos 20 anos. Probablemente unha das bandas da historia do rock galego máis sólidas na sua proposta estilística, no seu discurso, no seu ideario e tamén na súa traxectoria chea de actividade, compromiso e aposta pola língua e cultura galega.

Para moitos RUXE-RUXE é unha das bandas máis influíntes do rock galego con feixes de xiras e concertos ás suas costas, con 10 discos de estudio, videoclips e cun documental sobre a súa historia dirixido por Jairo Iglesias (Pixel Films) no 2015.

Comprometidos e cun directo enérxico e contundente RUXE-RUXE afrontan os seu XX aniversario no seu mellor momento musical e sendo, por méritos propios, unha das bandas máis lexendarias do rock galego.

A medio camiño entre o punk máis enxebre, as músicas de raíz e o rock de corte máis moderno que amosaron nos seus últimos traballos os ruxe celebrarán o seu XX aniversaio coa edición dun novo traballo discográfico baixo o nome de 20” e cunha xira que os levará ós melhores escenarios do país neste 2016.