Loading...
Inicio/Historia
Historia 2017-06-02T15:42:42+00:00

Historia da Carballeira

Dende sempre foi Galicia un pobo de romarías, de festexos cheos de relixiosidade popular; pero, a medida que a relixión perde protagonismo, moitas das celebracións modifícanse, outras pérdense, e noutros casos aparecen outras formas civiles de liturxias:
En Zas, no último domingo de Agosto celébrase a Festa do Santísimo Sacramento, dende tempos inmemoriales.

Hai aproximadamente corenta anos, homes do lugar baixaban ese día merendar á beira do río baixo o amparo dos carballos. Levaban polbo, viño, sardiñas, broa… todo amenizado por Os de Montouto, grupo de gaitas das terras do Xallas -nin que decir ten que as mulleres estaban ausentes, pois a súa honra poñeríase en entredito-. Ó cae-la noite volvían ó centro de reunión colectivo, a Praza do Campo, para continuar con festexos ‘oficiais’.

Xa normalizada esta actividade, empezaron a xurdirlle trabas: os cartos, pero sobre todo, os donos das terras que eran pisadas impediron que durante anos fose posible. Afortunadamente, dous anos antes da constitución da A.C. Castro-Meda, futuros dirixentes dela asumiron a directiva da Comisión de Festas do pobo e retomaron o costume de baixar o día do Santísimo Sacramento, pola tarde, á Carballeira do Souto, co propósito de poder merendar acompañados de músicas tradicionais; corrían os mediados 80 e xa se igualaba a porcentaxe de ámbolos sexos.

Así, no ano 1986, a nosa asociación organiza este evento e a Comisión de Festa, o resto do día (aínda se compatibilizaban algúns cargos). Mantivemos a celebración tal e como a herdamos ata que, de novo, xurdiron obstáculos: outra vez se queixaron os donos das terras, e -como a medida que se incrementaba a celebración na Carballeira, diminuía a relevancia dos actos relixiosos- convertémonos en competencia directa da Comisión de Festas.

Por todo isto, cambiamos de escenario e datas algúns anos, e decidimos realizala na Carballeira de Velar o primeiro sábado do mes de agosto… e así levamos xa bastante anos.O noso obxectivo, por aquel entón, era poder gozar dunha tarde á beira do río, con músicas e bailes populares, tradicionais e evolucionados, ó tempo que se degustaban productos típicos da terra, así como gozar do ambiente xenerado. É evidente que a organización, os grupos participantes, os metros cadrados ocupados, e o esforzo esixido fóronse variando e incrementando co devir dos anos, pero seguimos mantendo o noso obxectivo inicial, continuando tan atractivo como antano.

NA ACTUALIDADE

Hoxe en día, despois de tantas edicións celebradas, podemos afirmar que estamos ante unha relevante manifestación da identidade colectiva galega, moi acorde cos tempos que corren:

Tódolos anos, o primeiro sábado de Agosto,a primeiras horas da tarde, nos prados situados na marxe do río, móstrase a nosa cultura tal e como era décadas atrás (os nosos grupos de baile, pandeiretas, e gaitas levan anos recolléndoa polas aldeas adiante) acompañada doutros grupos tradicionais, sexan ou non galegos. Arredor das dez da noite, empeza a parte de folc actual, esta vez na parte esquerda do río, onde está a carballeira, que fai de auditorio natural en semellante evento.

Dende o comenzo, xa se poden degustar as especialidades gastronómicas: polbo, pementos de Padrón, churrasco, patacas, etc, (foron variando ó longo destes anos). Tamén se pode beber viño embotellado para tal fin, comprar unha camiseta conmemorativa do festexo ou un boleto para o sorteo dun pequeño año. Quizais, o máis característico é que se pode comprar unha xerra de barro, feita por un oleiro de Buño -localidade moi cercana-, cun deseño exclusivo cada ano pola compra da cal, fornecemos un anaco de empanada, unha botella de viño e toda a queimada que cada un poida beber alá pola media noite, cando se elabora tan etílica poción.

Pero o que nos está empuxando a seguir ano tras ano é o ambiente xerado: a maior parte da xuventude autóctona asume algunha responsabilidade na festa, case todo o vecindario ten parentes implicados na organización, co que acoden familias en masa. A actuación de grupos tradicionais locais atrae moitos veciños das localidades próximas e as actuacións nocturnas son un excelente reclamo para grupos de mozos chegados de moitos recunchos de Galicia e, para -cada vez máis- multitudes de turistas.

Por iso, aínda quedan rescaldos do sabor a ‘festa de aldea’: encontrámonos de novo con xente nacida moi cerca de ti, pero que vive a moitos kilómetros; tamén están os/as avós/as e pais/nais de case todos/as, compartindo barra coas pandillas folc da capital, que veñen a gozar de grupos con certo prestixio. Incluso, xa caída a noite, certos avós/as cargados/as coas súas sillas pregables asisten impávidos ó concerto do grupo de moda do folc.

Esta é xustamente unha das características máis importantes para nós: malia termos dous espazos e dous tempos totalmente diferenciados, o gozo é común, pacífico e natural, sen que a ninguén lle xenere rexeitamento. Todo o mundo se sente cómodo por non ter que estar controlando o seu arredor, e goza da compaña, da música, do espazo… Cada un maniféstao segundo a súa personalidade e os demais non se molestan porque eles tamén están ocupados en desfrutar.

ORGANICACIÓN E FINANCIACIÓN

Xa quedou dito que é a xuventude o segmento de idade maioritario á hora de colaborar fisicamente: a A.C. Castro-Meda mobilízase totalmente (xunto con boa parte da vila) nas datas previas. Pero para iso, nos meses anteriores, un reducido equipo deseña e vertebra a edición anual, e é este equipo quen dirixe e coordina toda a actividade necesaria.

Os cartos necesarios para financiar a Festa proveñen de contribucións voluntarias dos empresarios locais e de subvencións de cantas entidades públicas se prestan a tal fin. Destacan as aportacións realizadas pola Deputación Provincial e a da Administración Municipal debido, en parte, a que a publicidade realizada do noso festexo leva inherente a da nosa localidade.

Con todo, a fonte de ingresos máis importante provén da recaudación lograda esa tarde: a venta de xerros, camisetas, a comida e as diferentes bebidas, achega as cantidades mínimas requeridas para poder seguir organizándoa.

Aí reside o noso punto débil: o éxito da convocatoria está moi relacionado co tempo atmosférico, e nesta esquina galega, os agostos chuviosos non son infrecuentes. Por isto somos conscientes do alto risco que asumimos, pero ó longo destes anos non fomos capaces de solucionar este aspecto. En cada edición témese a aparición da chuvia, pero tamén hai que dicir que, convocatoria tras convocatoria, conseguíronse resolver as débedas contraídas (unhas veces mellor que outras), o que, de momento, permite continuar adiante.

CONCLUSIÓN

Como conclusión podemos indicar que Festa da Carballeira é un festexo humilde, nunha poboación non moi significativa e que conleva asociada moitos riscos e desgustos. Pero é evidente que os nosos obxectivos estanse cumprindo e, aínda que tamén eles sexan humildes, sentímonos moi orgullosos por isto.